Hoxe pola tarde veñen poñerlle a vaccina ós cans. A eles non lles gosta viaxar e se Mahoma non vai á montaña, xa se sabe.
E, pola mañá tocoume un traballo que me gusta pouco, pero era imprescindible facelo: estiven encintando con cemento unha parede do galiñeiro. O cemento é desagradable porque estraga as mans, ponas ásperas e non hai crema que as arranxe, pero había que elexir entre facelo, esperar até sabe Dios cando se chamaba a un albanel ou deixar que os pitos desapareceran sen saber por qué. Porque, un día desapareceu ún, pensei que os contara mal ó compralos, pero ós dous días desapareceron dous máis...funlle pedir á Marina unha xaula para meter os que quedaban (7, os sete magníficos) e poñerme a arranxalo sitio. Penso que, entre que se taparon os buratos e que os pitos xa creceron, o depredador vaino ter máis difícil. A verdade, tiña máis mágoa do desamparo que tiñan que sentir ó non se poder defender, que do que me custaron. Esa parte cruel da natureza, gústame pouco, pero, alomenos os animais matan por se alimentar,non coma nós.
Teño moitas ganas de empezar a dominar as cousiñas da rede, porque aparécenme fendas por todolos sitios e paso moito traballo en cousas que, quén sabe, consegue de xeito automático. Por exemplo, entro en tres ou catro blogs, que me gustan moito e quixera poder facelo dende este meu , pero non sei como metelos. A verdade, son tan parva que nin me atrevo a abrir varias cousas xuntas, sempre abro e pecho e logo volvo abrir e ando así, parva de min...Xa sei que basta con minimizar ou abrir por riba, pero pásame como coa tele : se hai alguén, por exemplo, dando as noticias ( que son os que miran á cámara e semella que nos miran a nós) nunca lle apago a tele, paréceme unha falla de educación, coma se os deixara coa palabra na boca...
Hai moitos anos, eu facía un programa nunha televisión de Ourense e sempre agradecín que a xente me deixara meter na súa casa. E había quen me deixaba, porque ás veces, pola rúa vía un sorriso de alguén descoñecido... e eu tamén sorría, agarimosa.