viernes, 18 de julio de 2008

Santa Mariña

Hoxe é día de Santa Mariña...Non hai moitos anos, hoxe era algo máis: era a paga extraordinaria do 18 de xullo...aquelo, en tempos de "fame" se que era unha festa...
Bendigo a miña profesión que me permite ter coñecido xente coma Zabal, tamén a bendigo porque me ten constantemente viva e atenta o mundo da xente nova, que tanto nos aporta decote.
A Zabal, a Victor Campio Pereira, a Secundino e a algún outro, sígolle o rastro pola rede, pero a vida é máis que un rastro: é unha permanencia e, esa permanencia xa so a teño no meu corazón.
Lín nun libro de Galeano que a palabra Re-cordar (de cordis) era "Volver ó corazón", e por iso que me gusta máis recordo que lembranza, ainda que as dúas teñan o mesmo significado.
Gracias, Zabal, polo comentario. Moitas máis gracias a un home que naceu nas terras aragonesas (e que canta coma ninguén aquela jota : Bárbaros aragoneses, que han querido casar
al Santo Cristo de Ourense con la Virgen del Pilar.
e a jota
, ben cantada, como el sabe, produce un estremecemento), por comentar en galego de Galicia (La Coruña, Lugo,Orense y Pontevedra...)
Hoxe, a lúa rematou o abalo. Estamos na lúa chea, que xunto co devalo ou lúa minguante, fai o que os vellos chaman lúa vella . E lúa bella, que abofé está fermosa... non é coma a de Xaneiro, a máis bonita do ano, pero ten a avantaxe de que se pode ollar toda a noite, sen pasar frío.
Nacho, meu querido Nacho, pai de Blas, compañeiro da miña querida Sonia, ¿de verdade pensas que non lle sego as pegadas os cumpleanos, paseos, festas, mareiras e peligrosas pedras que me mostras no Picasa? Madia levas..
En Paradela de Coles, tamén hai novas: hoxe hai reunión da xunta directiva da asociación, as 21,30 na casa da presidenta, para informar do que se leva feito neste tempo e escoitar novas ideas e para poñer a andar o proxecto do Rueiro.
Outra nova é: Ecos de sociedade: Pili da Anita, Arturo (o seu home) e Angelito (un dos nenos do povo, fillo de ambolosdous), van pasar uns días á praia. Boa viaxe.

jueves, 17 de julio de 2008

Lembranzas

O outro día recibín un correo no que, entre outras cousas dicía :"aunque tu no lo sepas, en este momento alguien está pensando en ti " É certo que poden estar pensando para ben ou para mal, pero , sería moito mellor que, os que pensan para ben mo dixeran, para que me sinta querida. Pero, se os outros non o fan, a lo menos eu, vou facelo. Porque hoxe, sen saber por qué, estíven lembrando a Manuel Zabal Lázaro. E, pode entrar aquí, na páxina de Paradela de Coles, porque él, hai anos pasou una tarde en Paradela. Para min foi unha tarde fermosa e chea porque o levei a ver paisaxes, camiños e lugares nos que son feliz. Para él...eu que sei: Chegou espectante e cheo de boas intencións e o primeiro que fixen foi subilo a un cabalo...Eu estaba tan afeita e era tan feliz facéndoo que nen se me ocurriu preguntarlle se quería facelo. No meu favor ei dicir que os meus cabalos son de fiar; o Chispa é un pouco toleirón, pero nese ía eu montada. El ía no Cuco, que é coma quen monta nun pato. E os cabalos teñen unha avantaxe: o de atrás fai o que fai o de diante.Ademáis, a sela é vaqueira e a monta tamén, polo que é máis seguro que se a sela fora inglesa, pequena e sen ter a onde agarrarse. E eu ía diante, ó paso. O Cuco non perde de vista ó compañeiro nen tolo, así que viña pegadiño ó Chispa. Eu falaba co Zabal "¿Qué tal?", "Ben". "¿queres correr un pouco?" "Pouco". Metinlle o Chispa un trotiño, eu ía facendo o trote inglés, apoiando nos estribos e erguendo o cú a intervalos. Mirei atrás e o Manolo facía un perfecto trote inglés...Cando volvimos pregunteille se pasara medo e dixo "O principio dudaba un pouco, pero logo, miraba cara diante e víate tan segura e dereita, que me sentín quén de senti-lo mesmo".
Manuel Zabal Lázaro daquela regaloume un libro que se titula "La mujer que se escapó a caballo".
É escritor. E é, para min, o compañeiro de traballo a quen máis eu quero na miña vida. Hai tempo que está xubilado. Boto moito de menos a súa compaña, ainda que eu non son de xuntanzas, nen de paparotas, inda creo que son "socialmente incorrecta". Pero cando coincidiamos, era unha ledicia escoitalo: verbo fácil, humor finísimo, sensibilidade única, cultura amplia.
Hai moito que non o vexo, que non sei nada del. Ainda cando traballabamos xuntos, pasabamos meses sen vernos, pero, agora e antes Manolo ten un sitio morno, no meu corazón . Gracias, Zabal, por ter compartido comigo unha parte fermosísima do teu tempo.

miércoles, 16 de julio de 2008

Mércores, Virxe do Carmo

Hoxe é festa para os mariñeiros e, de sempre, pasean á Virxe do Carmo polo mar. Os de terra, levámolas en andas...A Andalucía chámanlle a terra de María Santísima, debe ser polas festas que lle fan, pero penso que en Galicia, no quedamos moi atrás: En Ourense, os Remedios, os Milagros, Santa Mariña de Augas Santas, a Virxen de Agosto (en todos lados); pola zoa da Cañiza, a Franqueira, a Lamosa, Nosa señora do Libramento e Dios sabe cántas máis que eu descoñezo.
Eu, a verdade, non son moi festeira, porque non me gustan moito as multitudes, prefiro pouco e bo...Pero,en Paradela de Coles, o día daceoito, está de santo a Marina (é a festa de santa Mariña de Augas Santas) e tamén recordaremos á Marinita, que faleceu hai pouco. Supoño que para Manolo, a quen chaman o Carolino, será un día triste, porque levaban moito tempo casados e, como os fillos xa son grandes e teñen casa propia en Ourense e Vigo, o Manolo quedou só. É ben certo que o Manolo é xeitoso, vale para todo e arránxase ben, pero a compañía non a ten e supoño que a bota moito de menos. Ó mellor vaise para Vigo, pasar o día co fillo.
Onte chamoume a presidenta da asociación para ver se facemos unha xuntanza da directiva e nos organizamos para poñerlle os nomes as rúas do pobo, porque polo de agora so está rotulada a rúa de Elena Arnaiz , e solicitamos a Xunta, ó departamento de Política Lingüística, unha axuda, para que non se perdan os nomes de toda a vida, e poñelos ó principiar os camiños. Tamén queremos colocar un rueiro en madeira no centro do pobo e poñer en cada casa o nome da familia que vive en ela. A Xunta, a quen lle pedimos 15.000 euros, concedéunos 1.771, e con iso habémonos arranxar, facendo os paneis en tella e contando coa axuda do alcalde para a colocación. Tiñamos pensado facer un xogo interactivo e unha páxina güeb (encántame poñelo así e desvinculalo do inglés), pero, só o xogo, feito por unha empresa seria, xa nos custaba dez mil euros; e crear e manter unha páxina en internet ten un gasto permanente que non podemos afrontar. Ese foi un dos motivos de que nacera o blog. Tamén este é un xeito de falar de Paradela de Coles e dala a coñecer no mundo.
Somos unha pequena aldea, é certo. Pero temos vida e historia propias: Por unha banda a de onte e pola outra a cotiá.

martes, 15 de julio de 2008

Despois da xuntanza de G.D.R.

Vou levantar acta da mesma, aquí, porque teño a seguridade de que a acta que levanten eles non vai ser verdadeira, porque ninguén tomaba nota.
  1. Entramos as sete da tarde, como estaba previsto, e ,durante máis de unha hora, a xente presentou credenciais, correxindo erros do sábado, ou aportando novos datos. (Eso non sería preciso se n convocatoria do sábado se dixera:" Cada asociación deberá presentar: 1º.-Certificado d@ secretari@ da asociación, confirmando que foi elexido representante.2º.-Fotocopia compulsada da composición da xunta directiva".)
  2. Repartiron un papeliño con dúas papeletas (si, non)
  3. Decidiron que pasabamos a votar.
  4. Un convocado por Medioambiente dixo que él non estaba dacordo con que a súa mesa estivera formada por Medio ambiente, tecores, caza e pesca.
  5. Eu preguntei se, antes de votar, non se ía discutir se estabamos dacordo ou non co que se decidira en Barbadás, porque cando falou connosco Agader, a idea era que o diñeiro se repartira dende a base, dende o pobo e non polos políticos
  6. Outro señor opinou que o sistema de avais non lle parecía correcto e que era mellor reunirse, coñecerse e logo votar o representante
  7. Un coarto participante dixo que na súa mesa estaban as cooperativas todas e que el quería unha mesa para cooperativas agrarias (da que él era o único representante)
  8. Un representante da mesa de discapacitados dixo que os papeles estaban moi claros e que se alguén non sabía ler, era o seu problema (ninguén lle aclarou que saber ler non é saber interpretar e que á súa asociación lle estaban metendo un gol).
  9. Por parte da mesa, non se aclarou nada, so se dixo que o que se facía era adiantar traballo, que só se votaba unha xestora, e que mentras nós descansábamos eles pasaran moito traballo, e que todo o que se acordara, constaría en acta. Pasaron a ler a lista de representantes según os avais que cada quén tiña.E dixeron que podiamos votar a man alzada.
  10. Eu volvín pedir a palabra e dixen que, por favor constara en acta que non estaba de acordo coa proporcionalidade do número de representantes (6 de institucións, de doce presentes;2 de asociacións de veciños, de vinte presentes, 1 de cooperativas agrarias, de ún presente) e que, por favor, pasaran á votación, pero que ésta fora nunha urna, para garantizar a súa legalidade.
  11. Ainda houbo outras opinións, pero todas sobre o mesmo tema, pero sen aportar nada novo.
  12. Pasouse á votación, moitas persoas foron chamadas dúas veces...Dende as bancadas oíase, "xa votou", tanto lles tivo: o mesmo erro cometéuse unha e outra vez.

Fin do acontecido. Cada quén que saque as súas conclusións. Os representantes das asociacións de veciños, lóxicamente son da cidade, onde se coñecen e avalan entre eles. Os do rural xuntámosnos pouco, e so os do concello ¿qué posibilidades tiñamos de xuntar 15 avais? Pero ¿ por qué os representantes teñen que sair por avais e non por votación de cada mesa, escoitadas as intencións das persoas que se presenten?

Os proxectos que os representantes veciñais de Ourense queiran potenciar non terán nada que ver cos nosos. Na aldea estamos, en moitas cousas, subdesenrolados e, como dixo o sabio "primum vivere, deinde filosofare" :mentras eles precisan proxectos de lecer, nós precisamos industrias primarias que fagan que o rural non quede despoboado; mentras eles queren parques para que xoguen os seus nenos, os nosos nenos, os dous nenos do noso pobo (O Alex e o Angel), andan en bicicleta polo "carril bici-carril vaca-carril can-carril coche", porque cando os vemos xogando, cada qué para o coche se fai falla. Porque nós, a Dios gracias, no primum vívere, coidamos que a un neno edúcao toda a aldea, (os africanos din que a un neno edúcao toda a tribu).

Pero temos soños (que maravilla de galego que diferencia sono-gana de durmir- de soño-desexo utópico)que fan do rural galego un paraíso. O soño de que o noso monte sexa un referente para todos, que xenere industrias derivadas; turismo rural; gandeiría axeitada; agricultura ecolóxica; formas de vida respeitosas co medio ambiente...En Coles temos todo o que se pode pedir: Pazos fermosísimos, dedicados a turismo rural; fornos comunais; muíños en boísimo estado a todo o largo do regato de Lusín e máis; un muíño de vento; outro para moer aceite; un precioso embarcadoiro en Rivela; unha hípica; unhas paisaxes incribles ;e pedras...Unha terra que da cento por un: horta, millo, cebada, patacas, viño. Un monte que da madeiras nobles: carballos, castaños, nogais. E un so problema: non ser capaces de refundilo todo, de traballar codo con codo.

Pero, habémolo cambiar.

Se teño que facer balance, o día foi moi bo: traballei pola mañana; viñen ó meu blog e escribín; comín ben ; lin dúas horiñas (un libro interesantísimo que se chama "Los hombres que no amaban a las mujeres") e marchei á xuntantanza. Non me pareceu ben o que fixeron, pero cumplín co meu traballo de representar os sentimentos da miña aldea e despois fun tomar un café con Amparo, unha rapaza que ten unha cooperativa medioambiental, para a educación, chamada Equal, na Barra, onde fan campamentos e ensinan ós nenos e nenas o respeto pola natureza, dende o coñecemento e o amor á mesma. E, cando cheguei á casa, aparte da festa que me fixeron os meus cans (¡cómo se pode manifestar tanta ledicia, facer tanta festa, despois de tres horas sen verme! hai moita xente que me perde de vista un mes e cando me ve, como moito, sonríe), atopei una bolsa de xudías, regalo de Marina. Bendita sexa, acabou de me aleda-lo día.

lunes, 14 de julio de 2008

Luns,14

Novamente aquí. Pasei o fin de semana, coma sempre, sen poder escribir, porque non quero ter internet na casa, quero ter que vir á aula.
Unha miña parenta non quedou contenta de que escriba en galego, pero teño por certo que acabará encantada de que así sexa, porque hai cousas que teñen moito máis sentido en galego que en castelán: cando alguén esta nervioso dislle en castelán "tranquilízate", una palabra feita de tes (coma "tiro") de erre (coma "rabia"), e cun acento que mata a ún; en galego dise "acouga" e até ise ce que ten un sonido forte, pola súa feitura, axuda a meterse nun niño redondo e quente, protexido. Proba a dicir as dúas verbas en alto e vas nota-la diferencia. Escoita "aloumiño", ¿non é, certamente unha caricia?...Non hai maneira de ler a Manuel Rivas, se non é en galego, tampouco a Rosalía ou a Alvaro Cunqueiro. Quen me dera poder ler a cada escritor no seu idioma de nacencia...E, non son só as palabras, é tamén a forma como se xuntan, ¿como traducimos "ir indo" ou "non dar feito"?.
A min sempre me gustaron moito as palabras, porque me fan pensar. Lástima que non teño coñecementos suficientes que mas fagan máis asequibles. E lástima de non saber máis latín e grego, para seguirllele a todas o rastro:
Alienus, latino, da en castelán: alienígena (nacido outro), ajeno (outro, difente a min), enajenado (transformado en outro) ...e en galego alieníxena, alleo, alleado... ¿por qué o castelán engade "en"? non o sei, pero gústame a simplicidade do galego. Catelán: "soy un don nadie". Galego: "son un ninguén" ou "Son ninguén de ningures" :por riba de ser ninguén, non son de ningunha parte, ¿hai xeito máis fondo de expresalo?.
Ben, idiomas aparte, o outro día, atopei en Ourense ó alcalde de Coles. Estaba moi ledo porque tiña boas novas en relación co forno. Porque en Paradela de Coles tivemos sempre un forno comunal. Según contan os máis vellos , un matrimonio da aldea, donou o terreo para facer un forno comunal a cambio de que sempre poideran levar a borralla para a súas leiras. Naquel tempo a todo se lle sacaba partido e a cinza é moi boa para os allos e supoño que para moitos máis cultivos. O pobo fixo o forno, levaron a pedra dos montes, fixeron grosas paredes, un bo teito e un forno con un tiro que era a envexa de todolos arredores. Encendíase tódalas semanas e recollíase a leña por turnos, para quentalo, traéndoa do comunal. Tamén do monte comunal se traían os paus cando había que retellar, ou facer outros arranxos. Falamos de hai setenta ou oitenta anos... os tempos mudaron, o pan chegou as portas das casas e xa ninguén coce para toda a semana. Uns imos compralo a Gustei, outros agardan polo pan de Ribela, que o tran nunha furgoneta de reparto. O forno quedou sen uso.
Cando fixemos a asociación de veciños, pensamos que sería un bo local social e pedimos unha subvención á Xunta, para facer os arranxos precisos. Para que nos diran a axuda tiñamos que ter os papeis de propiedade, cousa que nos tempos de antes non era preciso, cada quen respondía de por vida da súa palabra...E a palabra era abonda.
E os netos daquel matrimonio non tiñan a palabra dos seus avós e dixeron que o forno era deles.
Correuse a voz de que había un veciño qu estaba malmetendo.
Eu díxenlle a Elena que o deixara, Paradela ten moitos espacios comunais, e podiamos facer o local nunha das dúas airas, pero ela falou co alcalde para que mediase. E o alcalde mediou e conseguíuno.
E, qué cousas, o que correu a voz de que había un veciño malmetendo era o que estaba argallando todo, e o que levaba as culpas era máis que inocente. Había un dito famoso "chámallo antes de que cho chame"...Claro que agora apañou. (O meu veciño portugués ten un dito cando algo lle sale mal, é algo brutal, pero non pode ser máis explícito: "Levou un carallo coma un brazo")
Agora só falta que ó concello le concedan un obradoiro e farán os arranxos, para transformalo en local social.
Hai que dici que, coa nova corporación, a nosa aldea vai progresando adecuadamente