Hoxe é festa para os mariñeiros e, de sempre, pasean á Virxe do Carmo polo mar. Os de terra, levámolas en andas...A Andalucía chámanlle a terra de María Santísima, debe ser polas festas que lle fan, pero penso que en Galicia, no quedamos moi atrás: En Ourense, os Remedios, os Milagros, Santa Mariña de Augas Santas, a Virxen de Agosto (en todos lados); pola zoa da Cañiza, a Franqueira, a Lamosa, Nosa señora do Libramento e Dios sabe cántas máis que eu descoñezo.
Eu, a verdade, non son moi festeira, porque non me gustan moito as multitudes, prefiro pouco e bo...Pero,en Paradela de Coles, o día daceoito, está de santo a Marina (é a festa de santa Mariña de Augas Santas) e tamén recordaremos á Marinita, que faleceu hai pouco. Supoño que para Manolo, a quen chaman o Carolino, será un día triste, porque levaban moito tempo casados e, como os fillos xa son grandes e teñen casa propia en Ourense e Vigo, o Manolo quedou só. É ben certo que o Manolo é xeitoso, vale para todo e arránxase ben, pero a compañía non a ten e supoño que a bota moito de menos. Ó mellor vaise para Vigo, pasar o día co fillo.
Onte chamoume a presidenta da asociación para ver se facemos unha xuntanza da directiva e nos organizamos para poñerlle os nomes as rúas do pobo, porque polo de agora so está rotulada a rúa de Elena Arnaiz , e solicitamos a Xunta, ó departamento de Política Lingüística, unha axuda, para que non se perdan os nomes de toda a vida, e poñelos ó principiar os camiños. Tamén queremos colocar un rueiro en madeira no centro do pobo e poñer en cada casa o nome da familia que vive en ela. A Xunta, a quen lle pedimos 15.000 euros, concedéunos 1.771, e con iso habémonos arranxar, facendo os paneis en tella e contando coa axuda do alcalde para a colocación. Tiñamos pensado facer un xogo interactivo e unha páxina güeb (encántame poñelo así e desvinculalo do inglés), pero, só o xogo, feito por unha empresa seria, xa nos custaba dez mil euros; e crear e manter unha páxina en internet ten un gasto permanente que non podemos afrontar. Ese foi un dos motivos de que nacera o blog. Tamén este é un xeito de falar de Paradela de Coles e dala a coñecer no mundo.
Somos unha pequena aldea, é certo. Pero temos vida e historia propias: Por unha banda a de onte e pola outra a cotiá.