miércoles, 30 de julio de 2008

As lombardas

Parece que hoxe pinta mellor que onte o que vai saíndo da caixa sorpresa.
Alomenos, xa ingresaron a nómina con 30 euros máis que habitualmente ( e non sei o porqué, pero non me importa moito, mentras sumen), a aula está aberta, polo que podo escribir pola mañá, e non coma onte que o tiven que facer pola tarde na biblioteca, e os traballos cotiás foron saíndo dereitos...
Despois de gardalos cabalos (niste tempo, para que non sufran cos tabaos, que os crucifican nas horas de máis sol, están ceibes de noite e gárdoos dende as 9 da mañá as nove da serán), fomos (os cas e máis eu) buscar herba para pola noite; levei os pitos á horta, boteilles de comer e beber; recollín o ourego, que hoxe a lúa esta no devalo e queda verdiño todo o ano; e púxenme a lle sacalas herbas as lombardas( a nós, a lombarda gústanos moito, simplemente cocida,cunha mazá e un chorro de aceite, sábenos a gloria)...e, segundo ía limpando, lembrei una poesía que me fixeron aprender de memoria cando estudiaba primeiro ou segundo do bachillerato; era un romance e nunha parte dicia (sic):"Échenme acá mis lombardas, dona Sancha y doña Elvira/ tiraremos a lo alto, lo bajo ello se daría".Eu ben sei que as lombardas do romance, eran armas de asalto o castelo, pero se o que as solicita lle puxo nome, ¿por qué non podería eu facelo mesmo coas miñas lombardas, ainda que sexan de comer?, daquela púxenlle (todas con dona dediante, que non hai por qué ofender):Sancha, Elvira (con perdón da miña querida compañeira),Jimena, Sol, Constanza, Urraca... Non me atrevín a poñer máis, porque pensei que logo vaime dar un aquel comelas...

martes, 29 de julio de 2008

Martes, e parece 13

Hoxe fóiseme atravesando o día e non son quén de arranxalo: fun cobrar e non chegara a nómina; fun buscar uns libros e ainda non viñeran; achegueime á aula de informática e estaba pechada, porque Pablo tivo un problema persoal (según rezaba un cartel na porta); atopei ó que me empaca a herba e, a estas alturas, díxome que non tiña tempo de ma empacar este ano...En fin, un día en que o abrente, que de cotiá tanto me suxire (sempre penso que se o amencer se chama abrente, o día é coma unha caixa que abrimos pola maña e da que imos sacando as cousas, sen saber nunca de antemán qué hai nesa caixa) poido transformarse en solpor (abrir e pechar).
E iso que onte fun segar pola serán e ía leda,coma sempre, ainda que comparando a serán cun serán dos de antes, os fiadeiros, os filandons leoneses e as festas nas que se transformaron. E lembrei a Quique, o pai dos meus sobriños, que tiña unha voz preciosa e, con música de "La bella Lola" cantaba unha canción que dicía asi: "Andan dicindo morreu Liborio, un forasteiro que aquí chegou, dicen que a causa da súa morte, foi unha trompa quel apañou. Non morreu non, que está en Petán, que ainda onte á noite bailamos xuntos naquel serán, non morreu non, que ainda está aquí, que ainda hoxe a noite ceamos xuntos en Leboriz"E, segando, cantaba e lembraba...
No solpor, chegoume a mala nova, morreu de repente un meu curmán que levaba o mesmo nome que o meu avó, o meu pai, o meu irmán e o meu sobriño. E tamén o mesmo apelido.
Daquela entristecinme. Pero, que espero, á miña idade hai que pensar en ir indo. E, mentras non chega a hora, por acó andamos, co corazón o ventimperio.

lunes, 28 de julio de 2008

Luns,28

Este fin de semana empeorou considerablemente a miña calidade de vida en Paradela de Coles. Porque tódolos anos, cando chega o mes de agosto, veñen a pasalo uns veciños que compraron e restauraron aquí unha casa. Teñen una confitería importante en Ourense, tamén, segundo dí a xente, teñen posibles abondos, algún deles ten estudios, pero consideración cos veciños, ningunhiña de Dios: son rebumbieiros e buliciosos e, como a casa é grande,veñen, como pouco de dez en dez e estragan a miña paz.Os sons cotiáns ( cacarexos das galiñas, cantos de galo, ladridos de cans, cantos de paxaros, sonidos de tractores emáquinas agrícolas) mudan por berros a Paula, á avoa, ós tíos e ós curmáns. Están no seu dereito, están na súa casa,pero teño por certo que no seu piso da cidade, non fan tanta feira...
Os cabalos os primeiros días, andan inquedos, logo, afanse.Ó Chispa, hoxe pola mañá, erguinllela crina e rañeille o pescozo. Gústalle moito, pero, levantou a pata de diante como decindo"ollo que te dou un couce" e eu resposteille, "pero ti, infeliz" Baixou a pata de mala gana...porque ó Chispa, como a algúns homes,non lle gusta nada que lle vexan o lado tenro.

Sábado,26


Dín que tódolos seres humanos devecemos por un minuto de gloria. O meu,debeu ser daquela, cando todo o pobo, incluídos os que ían baixo palio, mesmo a garda civil con traxe de gala( agás os que portaban o palio, as ovellas e algún disimulado ),se axeonllaron dediante de min...Daquela, (era o ano 1961) eu vivía na Cañiza.Había un home, chamado Emilio, que tódolos anos, pola festa, facía un altar vivinte, no que paraba a procesión, (anos máis tarde facía a decoración do nacemento que eu organizaba na eigrexa, sendo os nenos pequenos os que facían os papeis de Virxe, san Xosé,, pastores, anxos e demáis artífices do belén de toda a vida (mesmo o Checho de MªElena Pacheco dixo que el prefería ir de vaqueiro...)e os mais grandiños os que cantaban as panxoliñas que ensaiabamos tódalas vacacións. Non teño dúbida de que se o Emilio vivira en Valencia, os seus ninots serían os máis indultados, porque ten alma de artista. Pois, aquel ano, puxo de pastor o Luis do Buraco, de pastoras a Cristina de Pablo e Conchita de Pepa ( non sei por qué Fita e Conchita eran de Pepa e Mari era de Andrés, sendo as tres irmás e fillas do mesmo pai e nai) e de Virxe de Fátima a min.Pero, xa o futuro viña pisando forte...e velaí a mercadotecnia:á dereita, agachado, pero visible "FRUTERÍA VISITA".

Vintecinco de Xulio, día da patria galega

Hoxe rachei unha norma que levo cumprindo dende que cheguei a Paradela: sendo festivo, traballei facendo ruído.Porque, en Paradela de Coles, a xente, ainda que traballe, (que os animais comen tamén os domingos e festas de gardar),trata de facelo de xeito silandeiro porque non queren escandalizar a ninguén. Pola miña banda, penso que o descansodominical tivo sentido a nivel social cando a xente precisaba ,a lo menos , un día á semana para repoñer forzas (se acabanpoñendo a semana de 65 horas de traballo, volverá ser indispensable); pero, eu teño un traballo moi levadeiro e moitos cambios de actividade, polo que non preciso descansar obligatoriamente; ainda así,sempre cumplín a norma atè hoxe quenon a cumplín e adiqueime apasalo fío coa desbrozadora pequena, para que me sexa máis sinxela a recollida das mazás que van caendo das mazairas,para lle dar os cabalos, que devecen por elas. E non cumplín a norma, por culpa de Aurorita:Aurorita é tía dos meus sobriños. Nada ten que ver con Paradela, pero sí coa miña vida, e, se ten que ver comigo, non quedaoutra que entrecruzala (no ensino chamaríamoslle transversalidade) nesta aldea.Aurorita é moi simpática e conta moi boas historias, sempre verídicas. Estabamos un día no Pozo (Sisa, Josefa, Isabel Corona,Aurorita e máis eu) e Aurora principiou a falar de Don Xesús, o crego de Filgueira hai moitos anos (ela pasaba tempadas enFilgueira, na casa da súa irmá Paulina). E contóunos que, cando as parroquias empezaron a modernizarse, don Xesúsinstalou uns altofalantes no campanario e para chamar á xente á misa poñíalles unha canción que decía: "bajo el palio de la luzcrepuscular"...era unha canción de amor, titulada "mirando al mar", pero don Xesús sabía ben que,daquela, só andaban baixo palioo Santísimo, os membros da igrexa e o caudillo...O mesmo Don Xesús que, alporizado porque a xente non ía á misa os domingos a pesar da feiticeira chamada, e enchían a eigrexa polos santos, aproveitando un San Bieito,subiu ó púlpito e,dende alí, tronou:" Non vides nunca a misa os domingos e hoxe enchedela eigrexa, pois ¿sabedes qué vos digo? Tódolos santos, ó lado de Dios son unha merda".Con permiso da xente de Gustei, que o ten por patrón e lle fai unha grandísima festa,( e que o santo apóstolo non mo teña enconta e disimule) eu ,hoxe, comparei a Santiago con Deus.

jueves, 24 de julio de 2008

"SOLO CUENTOS"

Onte entrei nunha páxina que se chama "solo cuentos". Según poiden ler é unha idea de Francisco Flecha, a quen cheguei por medio dos blogs de "el país" e con quen me puxen en contacto posteriormente. Moitos de vós, pensaredes que son parva, porque segundo as miñas indagacións posteriores é un home de letras, coñecido dabondo, pero a min, chegou de sócato, abraiándome coa súa maneira de dicir, en vinte liñas, o que os mortais normais tardamos anos en contar. Os seus "microcuentos" son incribles, non só porque fan pensar, senón porque fan nacer en ún mesmo outras historias. (creo que a iso se lle chama ser un mestre, un mestre coma os de antes, de antes... do ano 1 de Cristo). Ben, pois, segundo entendín, creou un espacio na rede para contadores de contos no que hai, alomenos, vinte persoas de cadansúa parte . O sitio da a oportunidade de anotarse como contador de historias e eu, que son moi "cuentista", non agardei a segunda invitación: anoteime.

Como dí a miña sobriña María,¡ "mimá"!... levo intentando contar un conto e metelo no meu espacio dende hai media hora. E, nada.

Porque, algúns dos contadores de contos tiveron a amabilidade de entrar no meu blog, e ainda que algo entenderon, penso que non teño dereito a lles facer tragar " As crónicas de Paradela" aldea perdida...E, este blog é para o que é, non para contar historias, ainda que as conte...

E, digo eu, ¿para que é este blog? Eu non o sei. Xa se irá vendo.

Hoxe choveu en Paradela de Coles, pero no meu corazón hai un sol espléndido.

miércoles, 23 de julio de 2008

Hoxe toca vaccina

Hoxe pola tarde veñen poñerlle a vaccina ós cans. A eles non lles gosta viaxar e se Mahoma non vai á montaña, xa se sabe.
E, pola mañá tocoume un traballo que me gusta pouco, pero era imprescindible facelo: estiven encintando con cemento unha parede do galiñeiro. O cemento é desagradable porque estraga as mans, ponas ásperas e non hai crema que as arranxe, pero había que elexir entre facelo, esperar até sabe Dios cando se chamaba a un albanel ou deixar que os pitos desapareceran sen saber por qué. Porque, un día desapareceu ún, pensei que os contara mal ó compralos, pero ós dous días desapareceron dous máis...funlle pedir á Marina unha xaula para meter os que quedaban (7, os sete magníficos) e poñerme a arranxalo sitio. Penso que, entre que se taparon os buratos e que os pitos xa creceron, o depredador vaino ter máis difícil. A verdade, tiña máis mágoa do desamparo que tiñan que sentir ó non se poder defender, que do que me custaron. Esa parte cruel da natureza, gústame pouco, pero, alomenos os animais matan por se alimentar,non coma nós.
Teño moitas ganas de empezar a dominar as cousiñas da rede, porque aparécenme fendas por todolos sitios e paso moito traballo en cousas que, quén sabe, consegue de xeito automático. Por exemplo, entro en tres ou catro blogs, que me gustan moito e quixera poder facelo dende este meu , pero non sei como metelos. A verdade, son tan parva que nin me atrevo a abrir varias cousas xuntas, sempre abro e pecho e logo volvo abrir e ando así, parva de min...Xa sei que basta con minimizar ou abrir por riba, pero pásame como coa tele : se hai alguén, por exemplo, dando as noticias ( que son os que miran á cámara e semella que nos miran a nós) nunca lle apago a tele, paréceme unha falla de educación, coma se os deixara coa palabra na boca...
Hai moitos anos, eu facía un programa nunha televisión de Ourense e sempre agradecín que a xente me deixara meter na súa casa. E había quen me deixaba, porque ás veces, pola rúa vía un sorriso de alguén descoñecido... e eu tamén sorría, agarimosa.